BUDIÑO & LUIZ CARACOL
Festival Noroeste Estrella Galicia / A Coruña / 11 agosto (17:30h)
Mercado da Colleita / Parque do Paseo das Pontes.

Budiño e o cantante e compositor portugués Luiz Caracol unen as súas voces e as súas músicas para este concerto único, que terá lugar o sábado 11 de agosto no 32º Festival Noroeste Estrella Galicia. Coa compañía de Fran Sanz ao baixo e Ton Risco á batería e percusión, formarán un cuarteto polifónico moi especial, coas voces e as guitarrras de ambos músicos, onde tampouco faltarán a frauta e a gaita de Budiño. O concerto será unha alternancia das súas propias cancións, que se funden para ofrecer un espectáculo froito da súa amizade e convivencia durante estes últimos anos.

Budiño, músico, produtor e compositor de músicas de raíz contemporáneas, acumula dúas décadas de traxectoria, nas que ten publicado seis traballos: Paralaia, Arredor, Zume de terra, Home, Volta e Sotaque. As súas creacións e os seus espectáculos en directo son recoñecidos mundialmente pola crítica especializada e alentados con premios de prestixio entre a profesión. Budiño ten levado a súa música por catro continentes a países como Siria, China, Marrocos, Noruega, Colombia, Estados Unidos ou Canadá. Pola súa banda, Luiz Caracol é un músico, cantor e autor portugués. Fillo de diferentes culturas, no seu Portugal natal medra rodeado de influencias de África e Brasil. A súa música é froito dunha mestura multicultural de sons, linguas e voces. Tras anos de traxectoria, publica o seu primeiro álbum, Devagar, en 2013, que foi o disco máis vendido e o máis escoitado en Spotify en Portugal ese ano. Desde entón, ten actuado en diferentes escenarios de Europa, África e Brasil. O seu segundo traballo viu a luz en 2017 baixo o título Metade e Meia.